lunes, 12 de septiembre de 2016

RADICAL CAMBIO DE TEMPO NAS PRÓXIMAS HORAS

Imaxe de satélite infravermella das 8:00 desta mañá.

Tras un Verán con moi pouca actividade no blog, xa que non houbo moito movemento meteorolóxico, parece que o Outono comeza a asomar a pata enviándonos un adianto bastante potente para vir de onde vimos. E é que pouco a pouco comeza a haber máis intercambios de masas de aire, con vaguadas cada vez máis profundas e frontes máis activas. Unha delas chegará esta noite e será moi activa con precipitacións que serán puntualmente fortes e que poden deixar acumulados bastante cuantiosos nalgunhas zonas.

Todo vén pola formación dunha gran borrasca que arestora está subindo cara Islandia e que arrastra moito aire frío ata latitudes máis baixas. Este aire frío chegará despois da fronte e fará descender e moito as temperaturas, notáremolo bastante xa que vimos dun Verán de moita calor e é o primeiro adianto Outonal da temporada. Ademáis está previsto que se forme unha pequena borrasca no Mar Cantábrico polo que ao enviar ventos de compoñente Noroeste os acumulados por alí, ao igual que en Galicia, poden ser bastante destacados, xa que as chuvias (aínda que non choverá seguido), continuarán ata Xoves-Venres.

Como vemos na imaxe de satélite que encabeza este artículo, xa temos a vaguada coa súa fronte e aire frío asociado chegando á Península Ibérica, unha fronte fría xoven polo que ten moita actividade e, como xa comentamos, as chuvias esta noite/madrugada poderán ser de importancia en bastantes zonas.


A fronte chegará a Galicia esta noite e deixará ao seu paso precipitacións moderadas, puntualmente fortes e persistentes e que poderán vir acompañadas de treboadas. Os acumulados máis importantes, en principio, daranse no oeste e sur da comunidade, onde se poderán acumular máis de 40 litros en 12 horas. De feito xa temos activados diversos avisos por precipitacións fortes, comentarémolos pola tarde en Twitter e Facebook.

Tralo paso da fronte as precipitacións remitirán pero mañá Martes será unha xornada de inestabilidade con chaparróns que poden ser fortes e tamén vir acompañados de aparato eléctrico. As precipitacións e a inestabilidade seguirán ata o Xoves-Venres, a partir de aí e posible que volva o Anticiclón, pero non está moi claro de momento, irémolo seguindo.

No resto da Península e especialmente no Noreste as treboadas farán acto de presenza mañá pola tarde, treboadas que poden ser moi fortes e deixar moita auga en moi pouco tempo, situación moi perigosa que haberá que seguir, é certo que fai falta auga pero que caia toda xunta tampouco é moi bo, veremos como vai evolucionando o episodio.

  O descenso das temperaturas será moi destacado debido a esa masa de aire frío que chegará detrás da fronte. Ademáis, coa formación desa pequena borrasca no Mar Cantábrico seguirá canalizando o aire frío cara a Península polo que seguiremos con temperaturas frescas durante bastantes días, algo que se agradece pois vimos dun Verán de moita calor e máis seco do normal en gran parte de Galicia e tamén da Península

E é que de cara o Mércores é posible que só algúns puntos concretos da comunidade cheguen a ter 20ºC de máxima! Entre os 16/18ºC estarán os valores máximos en gran parte de Galicia, o Outono comeza a chamar á porta.

Así pois, esta noite chegará a fronte que deixará acumulados que serán cuantiosos en moitas zonas. A inestabilidade e o tempo máis fresco continuarán máis días, iremos seguindo a última hora do que nos vaia presentando este episodio pre-Outonal na páxina de Twitter e Facebook

Se o artículo che pareceu interesante, comparte! 

No hay comentarios:

Publicar un comentario