jueves, 2 de marzo de 2017

BRUSCO CAMBIO E TEMPO MAÑÁ VENRES: CHUVIA INTENSA E NEVE

Imaxe de masas de aire na mañá de hoxe Xoves.

Días atrás estabamos falando de que a situación estaba a ser plenamente Primaveral, con tempo seco, soleado, e cálido, con temperaturas máximas que mesmo chegaron a marcar case 25ºC na cidade de Pontevedra, por exemplo. Pero agora a situación será ben distinta, estamos a piques de ser afectados por unha gran vaguada que chegará dende o Atlántico, con varias liñas de inestabilidade asociadas, que complicarán bastante o tempo a partir da madrugada de mañá.

Estamos entrando en época de cambios bruscos en pouco tempo, un día poderemos estar con calor e 25ºC e en poucas horas ter frío, con chuvias e neve en cotas medias-baixas. E isto será o que aconteza nas vindeiras xornadas, pasaremos de ter moita inestabilidade, con chuvascos intensos e neve, a temperaturas que pasarán a ser de plena Primavera durante a semana que vén, debido ao ascenso dunha potente dorsal que nos afectará de cheo.

 De momento, durante este Xoves teremos bastante nubosidade con chuvias febles na metade oeste da comunidade, pero na madrugada do Venres, e tal como se ve na animación de precipitacións da esquerda (modelo HIRLAM), unha fronte fría moi activa atravesará Galicia, deixando ao seu paso precipitacións que serán fortes no suroeste de Coruña e en toda a provincia de Pontevedra. Será unha liña de precipitacións bastante importante que pode deixar grandes acumulados de auga en pouco tempo. Non se descarta que nalgunhas destas zonas anteriormente mencionadas se acumulen mais de 15 l/m2 nunha hora, mesmo non se descarta que as chuvias veñan acompañadas de treboadas e mesmo dalgunha saraibada na propia fronte.

Tralo paso da fronte, as temperaturas experimentarán un brusco descenso, debido á masa de aire frío que viaxa tras ela. Teremos un Venres marcado pola inestabilidade, con chuvascos intermitentes que poden ser fortes, vir acompañados de treboadas e tamén de saraibadas. Outro elemento que será moi importante e que debemos destacar será a neve. A cota baixará bruscamente ao longo da xornada ata quedar pola tarde-noite rondando os 500/600 metros, pero ollo, xa que localmente poderá nevar por debaixo desta altura, xa que ao ter tanto aire frío en altura, pódense producir desplomes nos chuvascos mais intensos, haberá que que estar moi pendentes.

-Onde nevará? 


Como vedes na imaxe superior, a probabilidade de que neve en gran parte do interior Galego é bastante alta. Nos puntos mais altos de Galicia, nas montañas de Lugo e Ourense, poderanse acumular bos espesores do branco elemento, como vedes ata mais de 35 cm según zonas, pero todo depende da precipitación, xa que será a chuvascos, e xa sabemos o caprichosos que son.

No sur de Ourense, é dicir, na Peneda, tamén se ven bos espesores, de ata 30 cm. Xa noutras zonas do interior de Pontevedra e de Coruña, sempre a partir dos 600 metros, poderíanse acumular ata 10 cm, pero todo isto dos espesores é relativo, xa que como comentamos antes, depende da precipitación, os chuvascos serán intermitentes pero cando caian poderano facer con forza e producirse desplomes da cota, ata localmente 400 metros de altura. Sen dúbida, episodio moi interesante a seguir, xa que a neve poderá visitar bastantes zonas, estaremos moi pendentes, xa que todo depende dalgúns factores que, como varíen un chisco, poden cambiar todo por completo, polo que será unha situación a seguir moi de cerca en tempo real.

 De momento, a AEMET activou estos avisos que vemos no mapa da esquerda, para mañá Venres. Como vedes, gran parte do interior de Galicia en aviso por neve, mesmo tamén o interior da provincia de Coruña e do interior de Pontevedra, o que nos indica que localmente as nevaradas poden a aparecer en cotas mais baixas.

En canto á chuvia, temos activado o aviso amarelo nas Rias Baixas, no suroeste e norte de Coruña por acumulados superiores aos 40 l/m2 en 12 horas, e tamén por 15 l/m2 nunha hora, o que nos da unha idea de que as chuvias poden descargar con forza e acumular bastantes l/m2 en pouco tempo, tal e como indicábamos en parrafos superiores. 

Así pois, temos por diante unha situación moi interesante, aínda que será bastante efímera, xa que só durará o Venres, pero teremos precipitacións intermitentes, puntualmente fortes e que poderán vir con treboadas e saraibadas, e neve a partir dos 600 metros, aínda que como xa comentamos, en fortes chuvascos con desplomes, localmente poderemos ver neve bastante mais abaixo.

  Se queres estar informado diariamente da última hora do que o tempo nos vaia presentando, pódesnos seguir en Twitter e tamén na páxina de Facebook.

No hay comentarios:

Publicar un comentario