sábado, 1 de octubre de 2016

COMEZA OUTUBRO, COMO SERÁ?

Anomalías xeopotencial a 500 hpa (5500 metros de altura)


Comezamos o último trimestre do ano con tempo Anticiclónico, con temperaturas diurnas que son bastante agradables pero xa pola noite comeza a facer frío debido á redución das horas de sol. Vimos dun Setembro bastante variable, con chuvascos e treboadas a mediados de mes, pero con temperaturas tamén altas a finais. A primeira semana de Outubro semella que será moi tranquila, con temperaturas que superarán os 25ºC a mediados de semana. Aínda así de cara o Pilar, pode haber cambios, irémolo vendo.

Neste artículo, botarémoslle unha ollada ao que nos di o modelo CFS para este mes. Cabe recordar que os pronósticos mensuais son só tendencias, polo que non os hai que tomar ó pe da letra. Aínda que o que se comente sexa unha "constante" de todo o mes, pode haber situacións ben diferentes ao que mostra o modelo.

A imaxe que encabeza este artículo mostra as anomalías de xeopotencial a 500 hpa (5500 metros) que nos indica o modelo CFS. Como vedes, agárdase que no Atlántico haxa unha anomalía positiva, polo que o Anticiclón será o dominante por esas zonas, aínda que está bastante escorado e non semella moi forte. Se nos fixamos na esquina superior dereita, ao norte de Europa, observamos unha forte anomalía positiva, polo que as Altas presións si que xa serían bastante máis fortes.

Entre estas dúas zonas de altas presións, semella que se colaría algunha que outra borrasca, tal e como indica esa anomalía negativa entre as Illas Británicas e Alemania. Con esta situación quedaríamos con réxime de vento do Noroeste que traería algunha que outra fronte, temperaturas máis frescas e precipitacións que no Cantábrico serían máis importantes. Esta situación en particular xa se comeza a ver hoxe nos modelos, a partir do día 12. Aínda que falta moito, sempre é bo que os modelos empecen a vislumbrar algo.

  Anomalía de temperatura a 850 hpa (1500 metros)

Centrámonos agora nas temperaturas previstas a 850 hpa para este mes. Como xa comentamos, ese posible centro de baixas presións que se colaría para Europa, arrastraría unha masa de aire frío que baixaría os termómetros ata valores por debaixo do normal en gran parte de Europa, agás no leste do Continente.

Na Península Ibérica, obsérvase unha lixeira anomalía negativa no Norte, e temperaturas dentro do normal no resto do País. Vimos de meses con temperaturas por riba do normal, vai sendo hora de que se compense con valores máis fríos.

  Anomalía de precipitacións. (Azul: Menos chuvia. Vermello: Máis chuvia)

O panorama en canto a precipitacións, non pinta demasiado ben según o modelo CFS para o entorno Peninsular. Tan só as chuvias estarían por riba do normal no Cantábrico, xusto como comentamos antes, a borrasca que enviaría vento do Noroeste deixaría por esas zonas bastante auga, pero queda moito como para dicir algo con seguridade.

Así pois, comezamos un mes no que pouco a pouco o panorama vaise volvendo máis frío. Aínda así, os pronósticos de chuvias para o mes non son moi esperanzadores, xa que indican que seguiremos con valores por debaixo do normal. Pero cabe recordar que estos pronósticos aínda están en fase experimental e teñen erros, polo que haino que tomar como unha tendencia, non como o que finalmente vaia pasar.

  Iremos seguindo a diario o que os modelos nos vaian presentando sobre os posibles cambios para mediados de mes na páxina de Twitter e Facebook

Se este artículo che pareceu interesante, comparte!

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario