miércoles, 1 de febrero de 2017

SUCESIVAS BORRASCAS AFECTARÁN A GALICIA A PARTIR DO XOVES

 Imaxe de satélite infravermella desta mañá de Mércores 1 de Febreiro.

Tras un longo período con escasas precipitacións, no que predominou o tempo seco, con moi poucas nubes, e con xeadas que neste Xaneiro que vimos de rematar foron noticia en moitos puntos do interior Galego, chegando a marcar case -15ºC en Calvos de Randín (Ourense), semella que o anticiclón que nos veu garantizando tempo seco durante todo este tempo, perde forza e se retira cara o sur, permitindo que as borrascas e as súas frontes asociadas teñan vía libre para afectarnos de cheo, tanto a Galicia como a gran parte da Península Ibérica.
Xa dende o pasado Xoves 26 vimos notando unha clara inestabilización da situación meteorolóxica. A entrada de diversas frontes están deixando días moi húmidos, especialmente nas provincias atlánticas, pero sen acumulados especialmente importantes. De feito, a xornada do Domingo foi na que mais cantidade de chuvia se acumulou en gran parte da comunidade, sendo o Monte Castrove, na ría de Pontevedra, a zona que mais auga recolleu con 58 l/m2. Pero esta situación relativamente tranquila mudará completamente a partir de hoxe Mércores pola tarde, cando xa chegarán as primeiras precipitacións (de momento, pouco importantes), e o vento que irá arreciando conforme vaian pasando as horas.

Co anticiclón retirado cara o sur, a corrente en chorro (jet stream), especie de "autopista" de ventos moi fortes a niveles altos da atmosfera, por onde circulan as borrascas, descende de latitude, e con él, os centros de baixas presións, que circulan moi preto do noroeste Peninsular. É o que se lle chama a "circulación zonal", un réxime de ventos do oeste que é bastante habitual na época Invernal na nosa latitude. Se observamos a animación da esquerda, podemos ver os acumulados de precipitación previstos polo modelo GFS dende hoxe Mércores ata o vindeiro Luns. As sucesivas frontes e liñas de inestabilidade que irán entrando asociadas a estas borrascas, impactarán de cheo no noroeste Peninsular, provocando que en Galicia haxa zonas que nestos próximos 4/5 días acumulen mais de 200 l/m2, especialmente en puntos do suroeste de Coruña, na provincia de Pontevedra e no oeste de Ourense, estas serán as zonas mais afectadas por este temporal de chuvia, como ven sendo normal nestas configuracións.

En canto ao resto da Península, as zonas menos afectadas serán as situadas a carón do Mediterráneo, como é habitual. Os ventos do oeste chegan moi secos a esas zonas, e ademais provocan que as temperaturas experimenten un ascenso bastante notable, ata valores incluso por riba dos 20ºC nalgúns puntos. É o mesmo efecto que provoca o Nordés en gran parte de Galicia, mentras na Mariña Lucense, con ese vento, teñen moitas nubes, orballos e tempo mais fresco, no resto da comunidade, especialmente nas Rías Baixas, gozan de tempo solleiro e con temperaturas que no Verán pasan de 30ºC habitualmente.

A profunda borrasca que agora mesmo se sitúa no atlántico, será a que nos deixe durante a xornada de mañá Xoves o primeiro temporal do Inverno. Esta borrasca ten tanta enerxía que, como vedes no mapa da esquerda, fará chegar á costa Galega ondas de mais de 8 metros, mesmo se poden deixar ondas de mais de 10 metros!, xornada moi adversa no mar, de feito, xa temos activado o AVISO VERMELLO por parte de MeteoGalicia para mañá por ondas que acadarán alturas de mais de 8 metros.

Pero esta borrasca non será a última que nos afecte. Tras ela, chegarán diversas baixas secundarias, é dicir, borrascas pequenas, de avance moi rápido, pero con un gran potencial para provocar temporais de vento moi fortes, as cales son moi complicadas de predecir polos modelos. De momento, a 1ª chegaría na madrugada do Venres, a 2ª na noite do Venres/madrugada do Sábado, e a 3ª xa na madrugada do Domingo,  todas estas deixando chuvias moi cuantiosas no oeste Galego, e refachos de vento moi fortes, por riba dos 100 km/h en gran parte de Galicia, tamén en terra. Pero, como xa comentamos, este tipo de borrascas son moi difíciles de modelizar debido ao seu pequeno tamaño e ao seu avance rápido, polo que haberá que estar pendentes da última hora dos pronósticos, e seguir a situación en tempo real, xa que un lixeiro movemento non pronosticado destas borrascas, pode facer que teñamos ou un temporal de vento moi forte, ou bastante menos vento.

Resaltar tamén que, estas borrascas, ao ter tanta enexía, arrastrarían gran cantidade de humidade tropical, son os chamados "ríos atmosféricos", algo habitual no Outono/Inverno Galego. Isto, o que provoca que e as chuvias sexan moito mais efectivas, é dicir, que descarguen precipitacións cuantiosas con acumulados moi destacables nas provincias atlánticas, polo que moito ollo en zonas preto dos ríos.

Polo tanto, veñen xornadas para estar MOI PENDENTES dos avisos que se vaian emitindo, xa que o temporal será duradeiro. Podedes consultar os avisos aquí.

Coma sempre, en Redmeteo seguiremos moi de cerca este episodio de tempo adverso que se nos aveciña a partir desta tarde. Na nosa conta de Twitter e tamén na de  Facebook. poderedes encontrar a última hora desta situación, con avisos e pronósticos detallados.

MOITA PRECAUCIÓN nos vindeiros días!

No hay comentarios:

Publicar un comentario