viernes, 13 de febrero de 2015

PREVISIÓN PARA O ENTROIDO 2015 EN GALICIA

Imaxe infravermella con isobaras do Venres ás 18:00

Tras varios días con tempo anticiclónico, onte Xoves volvimos a estar influenciados polas baixas presións que, circulando por latitudes moito máis altas ca Galicia, aféctannos en forma de frontes que por agora non son moi activas en canto á cantidade de precipitación que están a deixar, un bo exemplo son os rexistros de precipitación máximos que deixou a fronte que afectou a Galicia hoxe Venres, destacando os 24,6 l/m2 en Muralla (Lousame-A Coruña), 21,9 l/m2 no Monte Xesteiras (Cuntis-Pontevedra) e 17,2 l/m2 en Pereira (Forcarei-Pontevedra). Como vedes, non son rexistros moi salientables.

Na imaxe que encabeza este artículo, podedes ver como o anticiclón, bastante debilitado e retirado cara as Illas Azores, deixa aberto o paso a esas frontes asociadas ás borrascas Atlánticas que circulan nunha dirección, digamos Terranova-Illas Británicas. Desde ahí, envían frontes que nos afectarán durante os vindeiros días. Unha xa na tarde e na noite de mañá Sábado, e outra o Luns. A partir de aí, semella que o Antiticlón quere gañar terreo ás baixas presións, agasallándonos unha penúltima semana de Febreiro bastante tranquila no ámbito meteorolóxico.

Imos a o que nos incumbe. Esta fin de semana comeza o Entroido 2015 en moitas zonas de Galicia, e semella que non se van librar da chuvia, alo menos mañá Sábado, tarde na cal se celebran moitos desfiles  na nosa comunidade.

- SÁBADO


Na xornada de mañá Sábado unha nova fronte, como dicíamos antes, visitará Galicia a partir da tarde. Entón, a primeira metade do día será bastante tranquila, teremos ceos anubrados -como é normal previamente á chegada dunha fronte- co vento arreciando paseniñamente, sobre todo na costa. Iso si, ollo porque pódese escapar algunha precipitación -moi feble en xeral- na metade oeste da comunidade.

Durante a tarde, período no cal se celebran moitos desfiles de entroido, unha fronte entrará polo oeste da comunidade. Fai uns días semellaba que ía entrar de cara a noite, pero pouco a pouco os modelos fórona adiantando ata que, en principio, comezará a afectar a Galicia a partir  das primeiras horas da tarde. Deixará acumulados máis salientables ca as que deixaron as frontes destas últimas horas, deixando acumulados de máis de 30 l/m2 en zonas ben orientadas cara o oeste e nas zonas altas.

O vento tamén se deixará notar, zoará con refachos de entre 50-60 km/h no interior e na costa rondando os 70 km/h, e ollo nas zonas da costa Coruñera e Luguesa, xa que é moi posible que os refachos do Suroeste, pola tarde, sexan de bastante intensidade, superando os 80 km/h.

En canto ás temperaturas, as máximas non sufrirán cambios significativos. Serán moi semellantes ás acadadas hoxe. Rondarán os 13-14ºC na costa e os 8-9ºC en zonas altas das provincias de Coruña e Pontevedra. Nas montañas de Ourense e Lugo serán máis baixas, aínda así terán 1-2ºC máis ca hoxe.

- DOMINGO

A xornada do Domingo será o día típico tras o paso dunha fronte. Ceos moi anubrados, sobre todo pola mañá, con posibilidade dalgún chuvasco moi feble en xeral. Durante a tarde a probabilidade de precipitacións diminúe, aínda que si que pode caer algo. Asemade, os ceos estarán un chisco máis abertos, pero aínda así, o ambiente será dun ceo bastante toldado durante toda a xornada.

O vento virará a Oeste-Noroeste -como é normal tras o paso dunha fronte- pero desta vez será pouco intenso, algún refacho moderado na costa, sobre todo a primeiras horas,pero nada destacable, pola tarde, menos vento.

As temperaturas o Domingo tampouco sufrirán grandes variacións, aínda que si é certo que as mínimas poden ascender un chisco e as máximas descender 1ºC con respecto a hoxe e mañá Sábado, pero case non se notará. Quizáis alí onde o vento do Noroeste durante a mañá sexa algo máis intenso, a sensación sexa de algo máis de fresco.

En resumo, Sábado pola mañá ambiente bastante tranquilo pero con ceos moi anubrados, e tarde inestable coa entrada dunha fronte deixando precipitacións moderadas. Domingo máis tranquilo pero con posibilidade dalgunha precipitación, moi feble en xeral.

Ademáis deste artículo, mañá pola mañá farei unha previsión horaria para o Sábado pola tarde e noite para as principáis cidades Galegas. Se queres botarlle un ollo, podes seguir este blog en Twitter (@RedmeteoP) en Facebook (Facebook.com/RedmeteoP)
-
IMPORTANTE: Esta é o prognóstico para a primeira parte do Entroido en Galicia (fin de semana). Este artículo será actualizado o Domingo día 15 co prognóstico para a segunda parte do Entroido (Luns, Martes e Mércores).

Un saúdo, e boa fin de semana de entroido a todos!

- SEGUNDA PARTE DO ENTROIDO.

Antes de meterme coa previsión para os vindeiros tres días, vou facer un repaso aos datos que nos deixou a fronte que nos afectou na xornada de onte Sábado. Dicíamos que iba a ser máis activa e polo cal, que ía a deixar bastante auga, sobre todo nas zonas ben orientadas, e así foi. Ademáis, cabe destacar que nas primeiras horas de onte Sábado, MeteoGalicia activara un aviso amarelo por acumulacións de máis de 40 l/m2 en 12 horas no interior de Pontevedra e tamén na montaña de Ourense.

Esta fronte deixou acumulados non moi importantes pero si que cabe destacar, polo menos, as tres cantidades máximas de auga na rede de estacións meteorolóxicas en Galicia. No Monte Xesteiras (Provincia de Pontevedra) acumuláronse 35,2 l/m2, dicíamos que nas zonas altas ben orientadas se ía acumular bastante auga, e así foi. En segundo lugar temos a estación de Muralla (Lousame-A Coruña) con 35,1 l/m2, e, en terceiro posto, a o Campus da cidade de Vigo, onde se recolleron 34,9 l/m2.

Xa metidos na xornada de hoxe Domingo, un día que estará marcado polas nubes que apenas deixarán precipitacións. Pode caer algunha chuviscada pero moi feble en xeral.

- QUE PASARÁ NOS VINDEIROS TRES DÍAS?


-LUNS 16:

A xornada máis desapracible destos tres días será mañá Luns. E e que unha fronte moi pouco activa atravesará Galicia durante a mañá, deixando unha primeira parte do día con ceos moi toldados e precipitacións que serán, en xeral, febles.

Na segunda parte do día, unha vez que a fronte haxa atravesado a comunidade, os ceos iranse abrindo pero quedarán algúns chuvascos polo territorio, non serán de importancia, pero si tede conta de que en calquer momento se pode escapar algún chuvasco feble. E ollo, porque a cota de neve irá en descenso ao longo día ata situarse na noite e na madrugada do Martes en torno aos 700-800 metros, polo que será unha noite bastante fría.

En canto ás temperaturas do Luns, as mínimas descenderán bastante, entre 2-3ºC e incluso 4ºC, polo que moi posible que en zonas do interior xa che acheguen a valores negativos. As máximas tamén sufrirán un lixeiro descenso, pero practicamente os valores serán os mesmos que se acaden na xornada de hoxe Domingo.

-MARTES 17:

O Martes teremos que falar dunha xornada xa bastante máis estable, unha vez que os ventos viren a Norte-Nordés, as nubes cada vez vanse ir quedando máis relegadas ao Norte da comunidade, onde, coma sempre con este réxime de ventos, se poden producir algunhas precipitacións febles, sobre todo pola mañá.

A medida que nos vaiamos movendo cara o sur, os ceos quedarán máis abertos, sobre todo na provincia de Ourense. Será unha xornada bastante tranquila a grandes riscos, só que, como dicíamos, cairá algún chuvasco na Mariña.

As temperaturas para o Martes descenderán, tanto as mínimas como as máximas, polo que a madrugada será moi fría en xeral. As temperaturas de madrugada descenderán, nalgúns puntos, ata 5ºC con respecto á madrugada do Luns. As máximas tamén sufrirán un descenso, teremos 1-2ºC menos ca na xornada do Luns. Aínda así, chegaranse aos 12-13ºC en zonas de costa 


-MÉRCORES 18:

Xornada se cabe máis estable ca a do Martes, moi poucas nubes na comunidade. Só teremos máis nubes de estancamento na Mariña Lucense por mor do vento do Nordés-Leste, pero en xeral día solleiro na comunidade.

As temperaturas mínimas seguirán en descenso, as noites despexadas farán que, onde calme o vento, se produzan xeadas por mor das temperaturas baixas. As máximas ascenderán entre 1-2ºC na metade Oeste e ata 3-4ºC nas zonas altas do interior. Teremos valores, en principio, moi semellantes a os de hoxe e mañá.

En resumo, os vindeiros tres días de entroido estarán marcados polo paso dunha fronte que deixará chuvias febles mañá Luns. Martes máis luminoso con algún chuvasco na Mariña, e Mércores moito sol con algunha nube de estancamento na Mariña. As temperaturas en descenso, alcanzarán o seu mínimo na xornada do Martes.

Un saúdo e a disfrutar do entroido! 


No hay comentarios:

Publicar un comentario