viernes, 24 de abril de 2015

FIN DE SEMANA INESTABLE EN GALICIA


Son as 19:45 desta tarde de Venres 24 de Abril, a estas horas, chove (non con moita intensidade, iso si) en boa parte de Galicia, precipitacións que, de momento, non están a deixar acumulados moi abondosos, de feito a cantidade máxima recollida ata agora na comunidade son os 9,9 l/m2 rexistrados en Mos (Pontevedra), chuvias que veñen provocadas pola borrasca que vedes na imaxe de sateĺite visible que encabeza este artículo, borrasca que se vai ir achegando e que deixará unha fin de semana pasada por auga en Galicia.

Evolución da borrasca ao longo da fin de semana. Animación composta por Redmeteo

Aquí vedes a evolución que terá a borrasca dende a madrugada do Sábado ata a madrugada do Luns, como observades irá perdendo bastante forza, máis ó pasar moi preto do norte de Galicia, inestabilizará o tempo, e moito, xa que as precipitacións poden ser bastante abondosas en zonas do sur da comunidade, incluso con algunhas treboadas a partir da tarde de mañá Sábado.

Ademáis, o vento do sur-suroeste deixarase sentir, refachos que na costa Coruñesa poden superar os 60 km/h (nada fora do normal, como vedes, pero é importante resaltalo). En terra, os refachos moveranse entre os 30 km/h e os 50 km/h, será unha xornada bastante desapracible, pola combinación de vento e choiva, por contra, as temperaturas seguirán con valores moi similares aos de hoxe, non fará frío pero si que nas zonas onde o vento sopre con máis intensidade, pode incrementar un chisco máis a sensación de fresco.

SÁBADO E DOMINGO


A xornada do Sábado será a máis inestable de toda a fin de semana, cruzaranos a parte máis activa da borrasca, polo que cairá auga en toda Galicia durante todo o día, pero as chuvias máis intensas agárdanse a partir da tarde, cando poden ser puntualmente fortes, sobre todo no Sur e no Oeste da comunidade, acompañadas tamén dalgunhas treboadas. As temperaturas, como comentei antes, sen cambios, moveranse entre os 16 e os 18ºC en toda a comunidade.

O vento, soprará moderado, con refachos fortes no litoral Coruñes, acadando velocidades de ata 60-70 km/h.

O Domingo, co paso da borrasca o vento xirará a Noroeste, polo que seguiremos baixo os efectos da inestabilidade. Chuvascos intermitentes durante todo o día, os cales poden vir acompañados de treboadas e mesmo tamén dalgunha saraibada, aínda que contra a noite irán remitindo.

As temperaturas seguirán sen cambios. En canto ao vento, soprará do Noroeste moderado en toda a Galicia.

En resumo, fin de semana PASADA POR AUGA en toda a Galicia, sendo a tarde e noite do Sábado o peor momento en canto ás precipitacións, cando poden ser FORTES e con TREBOADAS, sobre todo no sur de Galicia. O Domingo, chuvascos intermitentes durante toda a xornada, puntualmente intensos, con treboadas e algunha saraibada, polo que o mellor plan para esta fin de semana, casa, sofá e mantiña.

Se queres estar informado do tempo a diario, podes seguir esta páxina a través de twitter (@RedmeteoP) ou a través de Facebook (facebook.com/RedmeteoP)

Saúdos e boa fin de semana!

No hay comentarios:

Publicar un comentario