viernes, 9 de octubre de 2015

PONTE DO PILAR PASADA POR AUGA EN GALICIA

Imaxe de satélite visible, 9:00 da mañá deste Venres.

Tras unha semana na que tivemos de todo, semana que comezamos cun intenso temporal de chuvia e vento que deixou refachos amplamente superiores aos 100 km/h en zonas do litoral e tamén na alta montaña, moito vento que veu acompañado con chuvias torrenciais durante a xornada do Luns, xa que as precipitacións deixaron moita auga en pouco tempo, como é o caso de Santiago de Compostela, onde en tan só nunha hora se recolleron 35 l/m2, o que ocasionou diversos problemas en forma de inundacións en pleno centro da cidade, ¡esa intensidade de chuvia era para emitir un aviso laranxa! Pero non foi así.

Pasado o temporal, dende o Mércores vimos gozando dun tempo bastante agradable, con moi pouca ou nada de chuvia, e con disminución da cobertura nubosa, aínda que hoxe Venres estamos notando xa a entrada de nubes medias e altas dende o Atlántico que indican que o tempo vai cambiar, e non en moito tempo.

Na imaxe de satélite que encabeza este artículo, fotografía sacada esta mañá ás 9:00, podemos observar tres elementos a destacar; de leste a oeste, vemos como no Mediterráneo a situación é de inestabilidade, con chuvascos treboentos puntualmente fortes, aínda que a maioría descargan no mar, e é que este episodio foi un chasco bastante grande para puntos do Sueste Peninsular, no que se agardaba moita auga e finalmente caiu moita menos e mesmo, en algúns puntos, non choveu nin gota. 

Seguimos no noso viaxe de leste a oeste, e agora centrámonos na Península Ibérica, onde a situación é de tranquilidade grazas ao ascenso dunha pequena dorsal, que provoca que os ceos estén maioritariamente despexados, aínda que con algunhas néboas en zonas do interior.

Agora xa estamos situados ao oeste da Península Ibérica, no Atlántico, onde observamos unha fronte con bastante actividade, a cal nos afectará mañá, que xira arredor do centro dunha borrasca, borrasca que está formada polos restos do ex-furacán Joaquín, aínda que nós imos sentir os efectos como os de unha borrasca normal, con chuvia, e bastante vento no litoral, especialmente mañá Sábado.

Modelo HIRLAM (AEMET)

Aí vemos a Ex-Joaquín, os restos do furacán que chegarán á Península Ibérica en forma dunha borrasca bastante debilitada e que inestabilizará o tempo nesta fin de semana. En principio, non deixará moita cantidade de auga, aínda que co xiro dos ventos ao Nordés, entre o Domingo-Luns, pode chover bastante na Mariña.

En principio serán chuvias intermitentes, non vai estar a chover seguido. Ao ter o centro da borrasca moi preto, ou case enriba, enviará diversas bandas de precipitación que, ao seu paso, poden deixar chuvias puntualmente intensas, e mesmo con algunha que outra treboada durante a xornada de mañá e o Domingo.

Outro elemento a destacar será o vento, soprará especialmente intenso durante a mañá en zonas do litoral Atlántico e tamén en zonas da alta montaña, onde os refachos do vento do Sueste -compoñente de vento que non é moi habitual en Galicia- poden superar os 80 km/h. Como vedes, fará vento pero non será nada fora do normal.

-PREDICCIÓN PARA A FIN DE SEMANA


Entramos xa coa predicción máis detallada para esta fin de semana coa man dos mapas de símbolos, situación atmosférica de clara inestabilidade.

O Sábado, xornada marcada polo achegamento da borrasca a Galicia, co que teremos de falar de chuvias intermitentes que cairán en calquera punto da comunidade, precipitacións que poden ser puntualmente moderadas e mesmo poder vir acompañadas dalgunha treboada ao paso desas liñas de inestabilidade que chegarán dende o mar e que, descargarán máis auga, principalmente, nas provincias Atlánticas, como é normal.

O vento soprará forte no litoral Atlántico, vento de compoñente Sueste que chegará ata refachos de +80 km/h. Situación máis calmada na Mariña onde haberá un vento do Leste que será moito máis feble que no litoral Atlántico, soprará con algún refacho moderado.

As temperaturas máximas descenderán entre 2-3ºC na metade oeste da comunidade, onde teremos valores que rondarán os 18-20ºC. Na Mariña, con este réxime de ventos do Leste-Sueste, as máximas ascenderán un chisco e rondarán os 22ºC, ambiente bastante agradable por esa zona.

O Domingo, seguiremos baixo a influencia desa borrasca, índa que se irá desprazando cara o leste, co que o réxime de ventos será bastante variable e polo tanto precipitacións bastante repartidas, case imposible dicir un lugar exacto no que choverá, xa que co centro da borrasca practicamente enriba, faise moi complicado realizar un pronóstico exacto. Aínda que cabe destacar que a madrugada da xornada Dominical pode ser bastante chuviosa nas provincias Atlánticas, con precipitacións moderadas e persistentes.

O vento, como xa mencionamos en liñas superiores, será bastante variable porque teremos o paso do centro moi preto da vertical de Galicia, polo que comezará con Suroeste pero tería que ir virando, pouco a pouco a Noroeste, acadando refachos moderados no litoral Atlántico.

As temperaturas vanse manter en valores similares aos acadados o Sábado, aínda que hai que mencionar que na Mariña, co cambio de vento a Nordés algo xa máis marcado, as máximas experimentarán un descenso polo que rondarán os 18ºC, temperaturas máis frescas.

Para a xornada do Luns, día do Pilar, é posible que as precipitacións vaian cesando polo sur da comunidade, aínda que na Mariña con vento do Nordés pode haber chuvias moderadas e persistentes, pero non está de todo claro.

Resumindo, Ponte do Pilar con tempo inestable, diversas bandas de precipitación cruzarán Galicia durante a fin de semana, deixando chuvias puntualmente intensas e mesmo con algunha treboada. O vento do Sueste será intenso no litoral mañá pola mañá. As temperaturas, en xeral, baixarán, quedarán en valores que rondarán entre os 18-22ºC.

Podes estar informado de todas as novidades que se vaian presentando no ámbito meteorolóxico por Twitter (@Redmeteop), e tamén por Facebook (Redmeteo)

Un saúdo a todos os lectores deste blog!






No hay comentarios:

Publicar un comentario