viernes, 2 de octubre de 2015

O OUTONO VOLVE ESTA FIN DE SEMANA


Tras varios días de situación plenamente Anticiclónica, con sol na maior parte de Galicia e mesmo con calor no sur da comunidade, temperaturas que superaron os 30ºC na conca do Miño, temos que volver a falar de chuvias a partir deste Domingo grazas a unha rexión de baixas presións que se instaurará no Atlántico e que inestabilizará moito o tempo na nosa comunidade.


Como vedes no mapa superior, a borrasca estaría relativamente "preto" de Galicia, polo que as chuvias poden ser persistentes na marxe Atlántica Galega, onde en 2-3 días é posible que haxa acumulados superiores aos 100 l/m2 nas zonas máis favorables a recoller grandes cantidades de auga con vento do Sur-Suroeste.

 Fixádevos na imaxe da esquerda, mostra as anomalías de presión atmosférica na xornada do Luns. Como vedes, temos que falar de anomalías claramente negativas no Atlántico, o que indica que as borrascas e as baixas presións rondarán a zona, afectando directamente a Galicia.

Outro elemento a destacar é ese ascenso da dorsal Anticiclónica que se ve no Mediterráneo, vén impulsada por esa rexión de baixas presións que, con eses ventos do Suroeste, favorecen que o ambiente na marxe Mediterránea sexa moi agradable, con temperaturas altas, mesmo teremos que falar de calor, e con ceos bastante despexados, para eles o vento do Oeste é moi malo para ver precipitacións, por contra, días atrás tiveron unha compoñente leste (levante) moi marcada, polo que as precipitacións foron especialmente intensas nesas zonas, choveu ben onde xa facía moito tempo que non chovía, polo que auga era moi necesaria.


As primeiras chuvias chegarán na madrugada do Domingo, e virán da man dunha fronte asociada a unha pequena borrasca que pasará relativamente preto de Galicia. En principio deixará chuvias persistentes e puntualmente moderadas, aínda que pouco a pouco irán quedando restrinxidas ás dúas provincias Atlánticas.

A fronte en si deixará bos acumulados, entre 20 e 40 l/m2 según zonas, chuvias bastante abundantes porque, ademáis, esta borrasca arrastra con ela un río de humidade subtropical, o que fai que as chuvias deixen cantidades destacables.
 

 Outro elemento a destacar da xornada do Domingo é o vento. A primeiras horas soprará con moita intensidade no litoral Atlántico, especialmente nas Rías Baixas onde se poden superar os 100 km/h, polo que diveras axencias como MeteoGalicia ou AEMET veríanse obrigadas a activar diversos avisos por forte vento, tanto en mar, coma en terra, xa que o vento tamén promete soprar forte en zonas do interior, achegando e mesmo superando os 70-80 km/h na mañá da xornada Dominical, polo que haberá que estar atentos a esos avisos que vaian activando.


Tralo paso desa fronte do Domingo, semella que quedaríamos nunha situación de precipitacións xa algo máis intermitentes, pero esta borrasca trae con ela moito CAPE (Enerxía dispoñible para a formación de treboadas), polo que moi posiblemente na madrugada e na xornada do Luns, as chuvias sexan puntualmente fortes e veñan acompañadas de algunhas treboadas, aínda que estas son máis probables na metade oeste de Galicia e, especialmente, na provincia de Pontevedra, que é onde, en principio, se acumularán as cantidades de auga máis importantes neste episodio.

Semella que a inestabilidade seguiría na xornada do Martes, con precipitacións intermitentes, máis intensas e persistentes na provincia de Pontevedra. A partir de aí, os modelos indican que haberá unha tregua, pero tamén comezan a ver o posible paso de frontes de cara a fin de semana do 10-11 de Outubro.

Información en tempo real e estar informad@ da situación atmosférica que imos ter no twitter do blog (@Redmeteop) e tamén na páxina de Facebook (redmeteo)

No hay comentarios:

Publicar un comentario