viernes, 30 de octubre de 2015

PONTE DE NOVEMBRO CON TEMPO VARIABLE

Imaxe de satélite meteosat sacada esta mesma tarde, cunha fronte achegándose a Galicia dende o Atlántico

Vimos xa de varios días nos que a situación atmosférica estivo marcada pola inestabilidade, con precipitacións abundantes durante as xornadas do Martes, Mércores e Xoves, cando se recolleron acumulados moi destacados de auga en menos de 24 horas en moitos puntos de Galicia, como é o caso de Santa Comba (A Coruña), onde onte Xoves se recolleron 86 l/m2, precipitacións moi abundantes que viñeron acompañadas dun rio de humidade subtropical, o que propiciou que se recolleran grandes cantidades de auga no oeste da comunidade, unha situación típica en Galicia, nada fora do normal.

O vento tamén se deixou sentir estos días, con refachos que chegaron a acadar os 109 km/h en Burela e na Estaca de Bares, os dous rexistros de onte Xoves.

Agora, adentrámonos na ponte de tódolos Santos, e semella que a inestabilidade atmosférica non nos quere deixar, aínda que nada que ver coas pasadas xornadas.


O Sábado estará marcado polo paso dunha fronte durante a madrugada/primeiras horas, non será moi activa pero, ao seu paso, pode deixar chuvias puntualmente moderadas no sur e oeste da comunidade. Estas precipitacións, co avance da mañá iranse facendo cada vez máis intermitentes e dispersas, quedando xa unha tarde seca e con nubosidade que se irá reducindo a medida que vaian pasando as horas.

As temperaturas experimentarán un descenso bastante notable, tanto as mínimas como as máximas. Estas últimas rondarán entre os 14/18ºC según zonas, co que o ambiente será xa máis fresco ca hoxe, xa que tivemos vento do Sur moderado, que precede á fronte, o que elevou as temperaturas por riba dos 20ºC en moitos puntos na tarde de este Venres.

O Domingo, primeira xornada de Novembro, marcada polas nubes medias e altas que se irán movendo de sur a norte, sen precipitacións, aínda que no extremo máis sur de Galicia se poden escapar algunhas gotas, anecdóticas en todo caso. Na Mariña e no Norte de Coruña tamén destacar a presencia de nubes baixas acumuladas polo vento do Norte.

As temperaturas máximas ascenderán, ata valores que rondarán os 18ºC, e mesmo non se descarta que se superen os 20ºC no Val do Miño.

Precipitacións previstas para o Luns pola tarde según o modelo ECMWF

Para o Luns hai bastantes diferencias entre os modelos, xa que algúns poñen bastante chuvia, especialmente no Leste de Galicia, cousa non é moi normal, e outros que non poñen nada de auga, irase vendo, pero a imaxe superior indica as chuvias previstas polo modelo Europeo na tarde do Luns, modelo que, ao meu parecer, é moi fiable, polo que hai bastantes posibilidades de que se acabe cumplindo, e teñamos un fin de Ponte inestable.

Podes estar informado de todas as novidades que se vaian presentando no ámbito meteorolóxico porTwitter (@Redmeteop), e tamén por Facebook (Redmeteo)

Un saúdo a todos os lectores deste blog!

No hay comentarios:

Publicar un comentario