jueves, 19 de noviembre de 2015

UNHA MASA DE AIRE FRÍO CHEGARÁ Á PENÍNSULA ESTA FIN DE SEMANA


Practicamente dende comezos de Novembro estamos tendo, en gran parte do continente Europeo -incluída a Península Ibérica- temperaturas moi por riba do que vén sendo normal para esta época do ano, anomalías que veñen provocadas polo réxime de circulación de zonal alta que estamos a ter, con un Anticiclón ben asentado nas nosas latitudes, e circulación de borrascas por latitudes máis altas, o que vén sendo unha situación de NAO positiva, tal e como explicamos neste artículo fai dúas semanas.
Nese post, tamén comentaba que o índice NAO (North Atlantic Oscillation), tras un importante ascenso a valores moi positivos, o cal nos trouxo este tempo seco e con poucas nubes nestos días pasados, comezaría a experimentar un descenso moi acusado que podería traer cambios bastante importantes a partir de mediados de mes, e todo indica que así acontecerá.

O ascenso do Anticiclón das Azores e a formación dunha pequena borrasca no oeste de Europa, canalizarán unha masa de aire frío procedente de latitudes moi superiores! Unha configuración sinóptica típica na nosa zona, cando o aire frío descende, o aire cálido -esta vez no Atlántico- vese obrigado a ascender, un mecanismo de compensación que ten a atmósfera para equilibrar. Seguramente, se esta configuración se chega a dar en Xaneiro, a cantidade de frío que nos chegaría sería moito maior, xa que habería moito máis frío acumulado no Polo.

E é que, como vedes na imaxe que encabeza este artículo, unha masa de aire moi frío chegará á Península Ibérica durante a vindeira fin de semana, facendo descender os termómetros de xeito brusco, un cambio que se notará bastante, xa que vimos de estar con temperaturas por riba do que é normal moitos días, co que, aínda que non sexa unha situación de aire frío importante, o cambio será moi notorio, ollo cos constipados!




Tal e como vedes na animación situada á marxe esquerda deste párrafo, a masa de aire temperado que temos nestes intres enriba, será desprazada por outra masa, esta vez de aire moi frío. Nun primeiro momento será unha masa de aire frío Marítimo, pero de cara primeiros da semana vindeira, tenderá a xirar ata facerse cada vez máis Continental, co cal as precipitacións serían máis ben escasas, aínda que as temperaturas mínimas serían ben baixas en moitos puntos do interior Galego.


Fixádevos, ademáis, como tras o paso desta masa de aire frío, chegará aire máis temperado procedente do Atlántico. Isto débese a que, moi posiblemente, a mediados de semana estaremos baixo a influencia do Anticiclón das Azores, temperaturas algo máis altas, pero xa en valores relativamente normais para a época na que nos encontramos, pero disto xa falaremos de cara o final deste artículo.


 Precipitacións previstas polo modelo ECMWF para a mañá do Sábado

Este episodio dará comezo na madrugada/mañá do Sábado, cando unha fronte chegará ao Norte da Península Ibérica e deixará precipitacións puntualmente moderadas, pero sen deixar cantidades moi cuantiosas, agás en zonas expostas do Norte de Galicia e en toda a cornisa Cantábrica, onde si pode haber cantidades bastante xenerosas (superar os 30/40 mm).

Co avance do día, as precipitacións irán quedando cada vez máis restrinxidas á metade Norte de Galicia. Teremos vento do Norte, como consecuencia, no sur en principio as precipitacións irán a menos, quedando tan só algún chuvasco feble e espallado durante a tarde, pero, iso si, con sensación xa de frío, xa que tras a fronte que nos visitará durante a mañá do Sábado viaxa esa gran masa de aire frío da que levamos falando todo o artículo, co cal, a cota de neve tamén irá descendo, ata situarse en valores próximos aos 900 metros, aínda bastante alta.

O Domingo en principio sería a xornada con máis inestabilidade, xa que teremos máis aire frío en altura e isto pode propiciar que os chuvascos sexan máis intensos, especialmente nas provincias de Coruña e Lugo. Ademáis, a cota de neve baixará ata cotas que rondarán os 800 metros (máis ou menos, como sabedes, o tema da neve é un fenómeno moi complexo de pronósticar). Cota que será máis baixa canto máis ao Norte/Leste nos encontremos, máis baixa, por tanto, na provincia de Lugo.

  
Esta situación trairá consigo anomalías negativas de temperatura, tal e como vedes na imaxe superior, tanto a 850 hpa (1500 metros de altitude), como a 2 metros sobre a superficie. Estamos falando de anomalías bastante destacadas en moitos puntos da Península, fixádevos como, no mapa da dereita, a cor azul é oscura en Galicia, isto quere dicir que as temperaturas estarán en valores bastante por debaixo do normal na madrugada do Luns en moitas zonas da nosa comunidade. 

Pero xa de cara a madrugada do Martes, estas anomalías negativas trasladaríanse ao NorEste da Península, por alí semella que as xeadas poden ser bastante importantes en puntos favorables, xa que, como comentábamos anteriormente, de cara primeros da vindeira semana esa masa de aire frío será máis continental, é dicir, máis seca pero máis fría, e esa zona do NorEste da Península vese moi afectada nese tipo de situacións, pero non vai ser nada fora do normal, ao contrario, xa vai sendo hora de que as temperaturas se vaian normalizando, porque, ata agora, neste mes de Novembro, estamos con temperaturas por riba do normal, un mes bastante cálido.

-E tras esta inestabilización, qué nos espera para a semana? 


En principio, o Anticiclón das Azores irá gañando terreo, influenciando, no seu movemento, tamén á Península Ibérica de cara a mediados da vindeira semana. Isto, o que nos traería sería ceos máis abertos, tempo seco (en xeral), e con temperaturas frías e xeadas en moitos puntos durante as noites.

Pero hai algún matiz que é necesario destacar. Esa posición do Anticiclón enviaríanos vento do Noroeste, co cal canto máis ao norte de Galicia estemos, máis nubes nos encontraremos, mesmo con posibilidade dalgunha chuvia feble, xa que algunha fronte podería afectar á metade norte Peninsular, pero semella que non serían activas, tan só algunhas chuvias febles.

Tamén hai que comentar que, se o Anticiclón das Azores se debilita, ou se retira un chisco máis cara o oeste, estaríamos falando de tempo moi inestable, con frío, chuvias, e nevaradas, pero xa estamos falando a moitos días, co que o pronóstico vólvese moi inseguro e, ademáis, os modelos están barallando diversas posibilidades.

Así pois, estamos ante unha fin de semana inestable, con precipitacións e nevaradas en cotas superiores aos 800/900 metros,e un cambio brusco das temperaturas, o que nos fará recordar que xa estamos entrando na recta final de Novembro, porque sinceramente, ata agora non o parece.


Podes compartir este artículo nas redes sociais, e estar informado de todas as novidades que se vaian presentando no ámbito meteorolóxico por Twitter (@Redmeteop), e tamén por Facebook (Redmeteo)

Un saúdo a todos os lectores deste blog!



  



No hay comentarios:

Publicar un comentario