viernes, 15 de enero de 2016

FIN DE SEMANA CON ALGO DE TODO. ANTICICLÓN A MEDIO E LONGO PRAZO

Tal e como anunciamos no último post, 2016 entrou con moita forza no ámbito metorolóxico. Diversas borrascas nos afectaron e deixaron fortes chuvias, ventos moi fortes, e nevaradas na alta montaña. Precipitacións e fortes ventos que deixaron moitas incidencias ao longo da nosa comunidade, especialmente no oeste de Galicia, onde as chuvias se deixaron notar, producíndonse enchentes dos ríos e anegando moitas zonas próximas a eles.

E é que en tan só 10 días deste mes, xa se superaron as medias de precipitación normal en Xaneiro en moitas zonas. Nos primeiros 10 días caíron no Monte Xesteiras (Cuntis-Pontevedra) nada máis e nada menos que ¡580 l/m2!, seguido de Pereira (Forcarei-Pontevedra), con 540 l/m2. Datos que non están nada mal e que, de chover máis decentemente no que resta de mes, estos rexistros poden ser aínda máis destacados, de feito o monte Xesteiras, cando estamos a 15 de Xaneiro, xa supera os 650 l/m2!! Impresionante...


A última fronte que nos visitou chegou na madrugada do Xoves e deixou rexistros destacados de precipitación e de vento en Galicia. De feito, ao chover sobre mollado o Río Sar, ao seu paso por Padrón provocou anegamentos nalgunhas zonas.


Hoxe Venres o tempo xa está moito máis tranquilo. Pola mañá aínda caíron algúns chuvascos febles na metade norte de Galicia. A xornada transcurre entre nubes e claros, claros que son máis amplios e que deixan ver moito o sol na metade sur da comunidade, como vén sendo normal nestas situacións con vento de compoñente Norte.

Mañá Sábado o vento virará a Sur. Teremos unha xornada marcada polos ceos moi abertos, aínda que co avance da tarde irán entrando nubes altas polo oeste de Galicia, nubes que indican cambios que chegarán o Domingo. As temperaturas máximas ascenderán algo, pero ollo coas mínimas que descenderán e haberá XEADAS en moitos puntos da comunidade.

Teremos 0ºC ou por debaixo en gran parte do interior Galego. Cabe matizar que normalmente este mapa subestima as temperaturas e polo tanto, pódense acadar temperaturas máis baixas en máis puntos do oeste Galego.

Ollo tamén, a primeira hora, coas néboas, porque xunto coas xeadas poden facer que conducir sexa unha tarefa bastante complicada nas nosas estradas.

 Na xornada Dominical teremos algúns cambios. Como comentaba, as nubes altas que chegarán na tarde de mañá anuncian cambios en forma dunha fronte que chegará na tarde do Domingo ao oeste da comunidade e que, en principio, non deixará precipitacións de importancia, máis ben precipitacións febles, puntualmente moderadas en puntos favorables no extremo Oeste de Coruña, e algún refacho intenso de vento no litoral. Pouco máis, nada que ver coas frontes que tivemos ata agora.

Imos seguir con chuvias a medio/longo prazo?
 Modelo ECMWF

O certo é que durante os primeiros días da vindeira semana, algunhas frontes poderían entrar ou rozar a nosa comunidade, sendo frontes, en xeral, pouco activas e que deixarían chuvias máis ben febles e sen ser persistentes. Pero, máis a longo prazo, xa para a vindeira fin de semana, os modelos veñen "debuxando" o ascenso da dorsal Anticiclónica sobre as nosas cabezas.

Qué provocaría isto? Pois tempo estable, sol, néboas, e xeadas a primeiras horas. Ademáis, como vedes no mapa da dereita, pola nosa zona, a un nivel de 850 hpa (1500 metros), as temperaturas estarían por riba do normal, polo que, seguramente, durante o día non vamos a pasar frío, aínda que iso si, como corresponde, as noites serían frías e con xeadas, como xa comentamos. E para compensar o ascenso da dorsal, no leste de Europa terían unha bolsa de aire frío que faría descender as temperaturas moi por debaixo do que viría sendo normal.

Estos cambios cara unha situación máis Anticiclónica podémolos observar nos índices AO e NAO. Ambos tornan cara valores positivos e, se nos centramos no índice NAO (recordemos que este índice mide a diferenza de presión entre a borrasca de Islandia e o Anticiclón das Azores). Estos días, este índice estivo en valores negativos, isto quere dicir que as borrascas pasaron por latitudes máis baixas, e nos estivemos plenamente afectados baixo a súa influencia, con diversos temporais.

Agora terá valores positivos, polo tanto, cabe agardar unha situación, a medio/longo prazo, máis tranquila. Borrascas circulando pola súa latitude normal, e nós influenciados polas altas presións.

Resumindo, temos por diante días máis tranquilos. Durante os primeiros días da vindeira semana algunha fronte poderá visitar Galicia, en principio non serán activas e deixarían chuvias de moi pouca importancia para, xa de cara a fin de semana vindeira, ter con nós a influencia Anticiclónica plena. 

Coma sempre, iremos seguindo a diario estos cambios que se presentan coa chegada do novo ano, tanto en Twitter, como en Facebook. 




No hay comentarios:

Publicar un comentario