viernes, 5 de febrero de 2016

ENTROIDO PASADO POR AUGA EN GALICIA

Imaxe de satélite visible. 12:00 do Venres
 
A poucas horas de dar o pistoletazo de saída ás festas do Entroido en Galicia, as previsións meteorolóxicas non son moi boas para disfrutar ao aire libre. Aínda que hoxe Venres estamos a ter un día Primaveral, tal e como se ve na imaxe, con ceos prácticamente despexados, aínda que con algunhas nubes altas indicadoras do cambio de tempo que está a piques de acontecer.


Cando escribo esto, sobre a hora de comer, as temperaturas alcanzan os 15ºC nas Rías Baixas, no Norte da provincia de Coruña e tamén se achegan moito na Mariña, unha xornada Primaveral que mudará por completo mañá Sábado.

Se analizamos a situación que imos ter, a imaxe da esquerda mostra a presión a nivel da superficie. O Anticiclón das Azores que habitualmente nos protexe das embestidas das borrascas e das frontes atlánticas, estará retirado cara o Oeste e algo máis debilitado, configurándose así un pasillo de vento do oeste cargado de humidade que ao impactar en Galicia deixará chuvias que serán máis intensas e persistentes nas provincias Atlánticas, como é normal neste tipo de situacións, aínda que tamén se agarda a entrada de frontes ben definidas e bastante activas co cal as chuvias tamén serían intensas e localmente persistentes no interior da comunidade.

-PRONÓSTICO

Mapas de símbolos previstos para a fin de semana. Elaborado ás 12:00 do Venres 5

SÁBADO: Con esta situación, para a xornada do Sábado agárdase un empeoramento importante do tempo, debido á entrada dunha fronte bastante activa que comezará a deixar as súas primeiras chuvias xa pola mañá na costa de Coruña e que co avance das horas iranse estendendo ao resto da comunidade. Ollo porque ao paso da fronte as precipitacións serían puntualmente INTENSAS e localmente persistentes. A fronte iría abandonando Galicia a última hora da tarde, cando notaremos un lixeiro melloramento, as precipitacións serán intermitentes, quedaremos nun réxime de vento do Noroeste con chuvascos que poden ser intensos, e, ademáis, con frío e un descenso da cota de neve ata tan só 700/800 metros. Nos puntos máis altos da comunidade pode caer bastante neve pero durará pouco.

Outro elemento a destacar o Sábado será o VENTO, e é que antes da entrada da fronte teremos vento do suroeste que soprará con refachos moi intensos, de feito a AEMET xa activou o aviso LARANXA para a toda costa de Galicia por refachos que poden superar os 100 km/h, e o nivel amarelo no resto da comunidade por refachos de ata 80 km/h, polo tanto moita precaución xa que estamos falando dun temporal que, aínda que non durará moito, promete ser bastante forte.

As temperaturas descenderán, especialmente tralo paso da fronte cando chegará unha masa de aire polar marítimo que fará que os termómetros experimenten un importante descenso, notando FRÍO e un descenso da cota de neve, con xa comentamos en liñas superiores.

DOMINGO: A xornada Dominical estará marcada pola abundancia de nubes, xa que seguiremos con réxime de vento do Oeste/Suroeste, nubes que deixarán chuvias febles intermitentes e que serán máis persistentes nas provincias Atlánticas e en puntos altos. A masa de aire frío vaise retirando, aínda que seguiremos con bastante fresco, a cota de neve irá subindo ata máis de 1000 metros de altura, episodio de neve bastante efímero o da tarde/noite do Sábado.

-A INESTABILIDADE CONTINUARÁ NOS SEGUINTES DÍAS..

 
Aínda que hai algo de dispersión entre os principais modelos numéricos, o certo é que a inestabilidade vai seguir con nós na vindeira semana, polo menos a principios desta, e é que como vedes na animación superior, que mostra as precipitacións previstas polo modelo GFS ata o vindeiro Mércores 10, imos seguir con chuvias, con circulación de vento do oeste e recibindo unha fronte tras outra, pero ao ser aínda a bastantes días, os momentos de máis e menos precipitacións non están claros, pero a tónica xeral será a de ceos anubrados con precipitacións.

No que si levan insistindo os modelos e coincidindo bastante os dous grandes, nunha fronte bastante activa de cara a xornada do Martes, día no que moitas zonas celebran o entroido..


O modelo GFS mostra que a fronte entraría na mañá do Martes e iría atravesando a comunidade ao longo da xornada deixando ao seu paso precipitacións intensas e persistentes, especialmente nas provincias Atlánticas, como case sempre, pero aquí é onde comezan as discrepancias entre o GFS e o modelo Europeo, o ECMWF.

A imaxe superior mostra as precipitacións previstas polo ECMWF para a madrugada do Martes 9, como vedes as precipitacións serían moderadas en toda a comunidade e bastante persistentes. Un anticiclón das Azores retirado ao oeste e un centro de baixas presións situado ao norte de Inglaterra configurarían unha circulación de vento do oeste que atraería esa fronte, pero está por determinar cando exactamente entrará e deixará as precipitacións máis fortes e persistentes.

Polo tanto, estamos ante un Entroido 2016 que en Galicia será PASADO POR AUGA debido á entrada de diversas frontes que deixarán precipitacións moderadas e que serán máis persistentes en Coruña e Pontevedra. Coma sempre, seguiremos esta situación a diario e contando as novidades que vaian aparecendo en  Twitter, como en Facebook.

Saúdos a tod@s! 


No hay comentarios:

Publicar un comentario