viernes, 19 de febrero de 2016

FIN DE SEMANA ESTABLE CON ASCENSO DAS TEMPERATURAS


Tras varias xornadas na que o ambiente foi puramente Invernal, con neve en cotas relativamente baixas (500 mts), sarabiadas, treboadas, e xeadas que, a pasada madrugada, afectaron a gran parte de Galicia, temos por diante unha fin de semana que será todo o contrario, o Anticiclón estará moi preto e estaremos baixo a súa zona de influencia.


E é que, como vedes na imaxe de satélite que encabeza este artículo, o Anticiclón das Azores anda moi preto e o seu centro vaise ir achegando á Península Ibérica. Este centro de altas presións será o culpable de que a fin de semana sexa de sol, con practicamente nada de chuvias e con temperaturas que tenderán ir subindo, tanto as mínimas como as máximas.

-PREDICCIÓN


Sábado: Tralo paso dunha fronte moi desfeita durante a madrugada e primeiras horas da mañá, que deixará algúns orballos moi febles e dispersos na metade norte da comunidade, estas precipitacións irán remitindo, pero na metade norte o ceo seguirá toldado, con abundancia de nubes baixas, aínda que en principio, como xa comentamos, as precipitacións irán a menos. Canto máis ao sur, ceos máis abertos, especialmente conforme vaia avanzando a xornada.

As temperaturas iranse recuperando, as máximas rondarán os 18ºC en zonas do suroeste de Galicia (baixo Miño, por exemplo), e con valores sobre os 13/15ºC en gran parte da comunidade, valores xa moito máis suaves ca os que estamos a ter estos días. As mínimas tamén experimentarán un ascenso debido á chegada desa fronte moi desfeita que cubrirá os ceos de gran parte do territorio Galego. Tan só se agardan xeadas no SurEste da comunidade, especialmente no sur e leste de Ourense.

Domingo: Xornada xa con ceos moito máis abertos en toda a comunidade, tan só teremos algúns intervalos nubosos no Norte/Noroeste da comunidade, pero xa sen precipitacións. Moito sol con ceos despexados no centro e sur da comunidade.

Temperaturas máximas que ascenderán un chisco máis, valores xeneralizados xa máis suaves. As mínimas seguirán igual, incluso poden ascender un pouco nas zonas onde terán xeadas mañá Sábado a primeira hora, valores xa máis "altos" durante a madrugada do Domingo.


Como xa comentamos, as temperaturas nesta fin de semana, tanto as mínimas como as máximas experimentarán un ascenso tras os valores fríos que vimos tendo dende xa fai varios días.

Na imaxe superior vedes as anomalías de temperatura a 2 metros previstas para hoxe Venres e para o vindeiro Domingo 21. Como podedes observar, hoxe son protagonistas as anomalías negativas na comunidade, con temperaturas que, a primeira hora, foron bastante inferiores ao que vén sendo normal. Pero se vos fixades no mapa do Domingo, a situación é totalmente oposta, con valores que estarán lixeiramente por riba do normal na comunidade, entre +3/+4ºC de anomalía, pero é que no NorEste da Península as temperaturas serán moi superiores ao normal!, así como en gran parte do continente Europeo onde se acadan anomalías positivas moi destacadas, de ata máis de 10ºC!

Resumindo, temos por diante unha fin de semana de tempo estable, moito sol con temperaturas que irán en ascenso ata acadar valores moi suaves durante o día, e sen xeadas en gran parte do territorio Galego. Os desfiles que foron aprazados nos días propios do entroido, poderán celebrarse sen problema estos días, a disfrutar!

Pero... os modelos veñen mostrando dende fai varios días o retorno da inestabilidade, do frío, da neve, e da chuvia á Península Ibérica de cara a vindeira fin de semana, queda moito, e non hai que asegurar nada. Isto irémolo seguindo a diario na páxina de Facebook, e tamén na conta de Twitter

Un saúdo a todos os lectores deste blog!

No hay comentarios:

Publicar un comentario