viernes, 18 de marzo de 2016

COMEZO DA SEMANA SANTA INESTABLE


Tal e como vimos avanzando na nosa páxina de Facebook e Twitter durante toda esta semana, agora mesmo temos un Anticiclón en latitudes altas, un lugar que non é moi habitual para as altas presións e, polo tanto, o oco que deixan as altas presións ocúpanas as baixas presións polo seu flanco sur, afectando á Península e deixando un tempo máis fresco e inestable.


Como vedes no gráfico superior, un embolsamento de aire frío procedente do Atlántico colarase polo sur das altas presións que están situadas na contorna das Illas Británicas. Esa bolsa de aire frío en altura chegará á Península esta fin de semana e inestabilizará o tempo en gran parte da Península Ibérica.

Precipitacións previstas polo modelo GFS para a tarde do Sábado 19

Isto o que provocará é que teñamos mañás tranquilas, con algunhas nubes pero con tempo máis ben seco, pero que a partir do mediodía medren nubes de evolución que deixarán chuvascos intermitentes, con treboadas e mesmo puntualmente fortes e acompañados de sarabia.

Cabe destacar que os chuvascos van ser moi irregulares e moi dispersos, co cal poderá chover na túa posición e, ao mellor, a 1 km de aí non, chaparróns moi locais pero que onde descarguen poderano facer con intensidade puntualmente forte e, como xa comentamos, acompañados de sarabia.


Con esta situación, para a xornada do Sábado cabe esperar unha mañá bastante tranquila, con nubes e claros aínda que na provincia de Pontevedra e no sur de Ourense poderíase dar algún chuvasco de pouca importancia, ademais, o vento será máis ben frouxo. Xa pola tarde, medrarán nubes de evolucion que deixarán chuvascos, probables en calquer punto de Galicia e, como xa comentamos, moi irregulares e dispersos, farase moi moi difícil atinar o lugar e momento exacto no que vai caer o chuvasco.

Chuvascos que por momentos poderán descargar con intensidade puntualmente forte, acompañados de treboadas e tamén de sarabia, polo tanto precaución se vos encontrades con algunha na estrada.

As temperaturas ascenderán, tanto as máximas como as mínimas. Estas últimas debido a que a vindeira noite haberá máis nubes e polo tanto non baixarán moito. As máximas acadarán valores que rondarán os 15ºC e puntualmente moi preto dos 20ºC no val do río Miño.


O Domingo de Ramos seguiremos baixo a influencia das baixas presións. Pola mañá unha fronte podería rozar o extremo norte da comunidade deixando ceos cubertos con chuvias que non serían moi importantes. Canto máis ao sur nos desprazemos, máis sol. Pola tarde, ao igual que o Sábado, medrarán nubes de evolución que deixarán chuvascos, aínda que cabe destacar que as precipitacións serían menos importantes que o Sábado e, ademáis, habería menos número de chaparróns, pero é unha situación moi complicada de modelizar, especialmente o tema dos chuvascos.

As temperaturas máximas seguirán sen cambios e as mínimas descenderán debido á menor presenza de nebulosidade durante a madrugada do Domingo.

Moi complicado falar do comezo da vindeira semana, aínda que semella claro que seguiremos con aire frío en altura e polo tanto con chuvascos verpetinos. Irémolo seguindo en Facebook e tamén en Twitter.

No hay comentarios:

Publicar un comentario