martes, 11 de octubre de 2016

UNHA BORRASCA DEIXARÁ CHUVIAS EN TODA ESPAÑA

Animación da imaxe de satélite infravermella das últimas 6 horas. Actualizado (9:00)

Tal e como viñamos seguindo en Twitter e Facebook, semella que se van confirmando esos cambios dos que falábamos para esta semana. E é que un potente anticiclón en latitudes altas (bloqueo Escandinavo), provoca que polo seu flanco sur se colen as borrascas. É o proceso inverso ó que normalmente se da, as baixas presións terían que circular por onde está o anticiclón, pero como se topan cunha rexión de altas presións moi robusta e fortalezida, a inestabilidade trasládase a puntos máis ó sur, como será este caso.


Debido a ese bloqueo anticiclónico, algo anómalo na circulación xeral do hemisferio Norte, os modelos numéricos levan días moi perdidos sen saber ben que modelizar, xa que, ao ser unha configuración relativamente extraña, teñen que facer cálculos diferentes aos que normalmente fan. Ademáis, ao ser borrascas pequenas, son moito máis erráticas que as que ocupan un radio moi extenso de quilómetros, co que, o pronóstico, aínda que sexa a curto prazo, complícase aínda máis. E é que estos días, a un prazo de tan só 48/72 horas, había moita incerteza, cando normalmente a ese espazo de tempo xa tería que estar todo claro!

Nun primeiro momento, os modelos poñían a borrasca pasando polo Cantábrico para, posteriormente, chegar ao Mediterráneo. Con esa situación, o episodio de chuvias en Galicia sería bastante destacable, pero no resto da península Ibérica, trala fronte asociada, poucas precipitacións verían. Pero, por contra, nas últimas saídas, os diversos modelos xa se puxeron dacordo, a borrasca entrará por Portugal. Polo tanto, na nosa comunidade estamos falando dun episodio normal de chuvias, nada destacable, pero a nivel peninsular si que será un episodio de inestabilidade acusada, xa que a borrasca adéntrase máis, trasladando as precipitacións a todo o país, podendo ser especialmente intensas no Golfo de Cádiz e tamén na costa Catalana, pero isto son detalles que se pulirán a moi poucas horas de que o episodio comece.

Precipitacións previstas polo modelo GFS para o Mércores

A fronte asociada a esta borrasca entrará nunhas horas por Galicia, e irá barrendo, pouco a pouco, gran parte da Península, deixando acumulados que poden ser importantes na xornada do Mércores no golfo de Cádiz (Huelva, Sevilla.. etc), e tamén na costa Catalana, como xa comentamos en liñas superiores.

Tralo paso da fronte, semella que imos quedar nunha situación típica de chuvascos, que poden ser puntualmente fortes e vir acompañados de treboadas. Pero, ao pasar o centro da borrasca case por riba, os chaparróns serán moi irregulares e case case impredecibles, xa que ao formarse xusto arredor do centro, a súa traxectoria é moi errática. Pero a posibilidade de que caia algún forte en calquera parte de Galicia está aí, polo que non fiarse porque saia un pouco o sol. 

Anomalía xeopotencial a 500 hpa previstas para o Domingo 16. Modelo ECMWF

As chuvias poderían ter certa continuidade no tempo debido a que a presencia do bloqueo Anticiclónico en latitudes altas non deixa "escapar" as borrascas da nosa contorna, e , aínda que non vai estar a chover seguido, si que nos agardan bastantes días inestables, con tempo máis fresco e con alta probabilidade de que chova.

Incluso, a día de hoxe, de cara o vindeiro Domingo/Luns insinúase que unha pequena borrasca que se viría dende o sur das Azores, pase moi preto de Galicia, sen adentrarse na península debido á dorsal anticiclónica que se encontra no Mediterráneo, e que fará de barreira. Normalmente, este tipo de configuracións traen frontes estacionarias, extensas e con gran cantidade de humidade, os famosos ríos de humidade. Estas frontes provocan grandes acumulados de auga debido á persistencia e á forza das precipitacións. Isto é o que insinúan os modelos para esos días, pero queda moito e hai que ir afinando, pero, de cumplirse, habería que estar atentos.

Así pois, temos por diante varios días de inestabilidade, cunha fronte que xa chegará nunhas horas e deixará un día chuvioso en Galicia. As próximas xornadas, tempo inestable e fresco. Iremos seguindo a última hora do que nos vaia presentando este episodio pre-Outonal na páxina de Twitter e Facebook

  Se o artículo che pareceu interesante, comparte!

No hay comentarios:

Publicar un comentario