viernes, 16 de diciembre de 2016

NOVEMBRO 2016: LIXEIRAMENTE MAIS FRÍO E CHUVIAS NO NORMAL

Anomalías de temperatura e chuvia durante o mes de Novembro de 2016

Tras un Outubro que foi moi anómalo en Galicia, con precipitacións moi por debaixo do normal e con temperaturas cálidas, este mes de Novembro estivo mais ou menos dentro da normalidade con precipitacións mais repartidas e temperaturas xa propias da época do ano.

Se observamos o mapa da esquerda, o cal nos mostra a anomalía da temperatura media durante Novembro, vemos como as cores azuis son as dominantes na maior parte do territorio Galego, isto quere dicir que as temperaturas foron mais frías do normal, agás algúns puntos do suroeste de Pontevedra, norte de Coruña e leste de Lugo. As anomalías negativas van de -0,5 a -1/-1,5ºC menos do normal, mentras que as positivas tan só entre +0,5/-1ºC, polo que o mes considérase lixeiramente mais frío.

En canto ás precipitacións, si que hai algo mais de variedade, porque como vemos as cores "cálidas" abondan bastante polo que en moitas zonas a cantidade de chuvia acumulada estivo por debaixo do normal, mentras que, por exemplo, no sur de Ourense ou no nordés de Lugo vemos como hai claras anomalías positivas de precipitación. Como vedes, bastante variedade, pero, en xeral, dentro da normalidade, xa que os puntos menos chuvia da agardada non son moi marcadas, agás en puntos de Santiago ou no interior leste de Lugo e Ourense.

  Na imaxe da esquerda vemos como, ao nivel de 500 hpa (5500 metros de altitude), na contorna da Península ibérica destaca moito a presenza de aire frío en altura durante este mes, provocando unha circulación de leste/surleste que deixa moita chuvia no Mediterráneo e, como xa sabedes, tamén no sur da Península.

E iso que Novembro comezou cun episodio de temperaturas moi anómalo, moi cálidas para a época do ano durante os primeiros días. Pero a partir do día 7 a chegada dunha masa de aire moi frío dende o norte tendeu a normalizar moito a situación, con chuvias e bastante neve nas nosas montañas, con importantes paquetes de neve en cotas altas pero mesmo se rexistraron nevaradas a escasos 200 metros de altitude no País Vasco e en Navarra. Xa de cara o 18-19 a chegada de dúas borrascas Atlánticas provocou o primeiro temporal de vento e chuvia deste Outono en Galicia, con  chuvascos que foron intensos, fortes refachos de vento e mesmo treboadas en bastantes puntos.

E agora xa estamos en Decembro! E a verdade é que comezou bastante semellante a Novembro, con días de temperaturas moi por riba do normal, veremos se na 2ª quincena todo se vai normalizando cada vez mais.

Se queres estar informado diariamente da última hora do que o tempo nos vaia presentando, pódesnos seguir en Twitter e tamén na páxina de Facebook.

No hay comentarios:

Publicar un comentario