viernes, 9 de diciembre de 2016

FIN DE SEMANA CON MÁIS NUBES PERO CON MOI POUCA CHUVIA

Imaxe de satélite infravermella con isobaras. 15:00h do Venres 9 de Decembro

 Continuamos baixo a influencia das altas presións cun anticiclón centrado no Mediterráneo. Con esta configuración quedamos con réxime de vento do Sur/Surleste que eleva as temperaturas ata valores cálidos para a época do ano na que nos encontramos, con máximas por riba dos 20/22ºC en bastantes puntos de Galicia rexistradas en días atrás. Ademais, ese anticiclón bloquea as borrascas e provoca que se desvíen cara latitudes altas e, polo tanto, non nos chegan a afectar directamente e tan só temos paso de nubes altas, cal única función só é a de decorar o ceo.

-Pronóstico para a fin de semana


Sábado: Durante a xornada de mañá unha fronte moi desfeita achegarase a Galicia e provocará un aumento claro da nebulosidade en toda a comunidade, estando o ceo máis cuberto no sur e oeste, mesmo non se descarta que nas provincias atlánticas poida caer algunha chuvia feble, moi pouco importante e con máis probabilidade na segunda metade do día. As temperaturas mínimas experimentarán un ascenso debido á chegada de máis nubes, mentras que as máximas descenderán pola mesma causa, aínda así, nas Rías Baixas e no litoral Norte teremos valores por riba dos 16/17ºC, ambiente moi agradable.

O vento soprará do surleste con intensidade moderada nas Rías Baixas, mentras que no interior e na costa norte será frouxo ou moi frouxo.

Domingo: Na xornada Dominical, tralo paso desa fronte moi desfeita e pouco activa o Sábado, agárdanos unha xornada con nubes que van ir a menos aínda que si teremos o paso dalgunha nube media-alta. As temperaturas mínimas de novo descenderán, xa que a madrugada estará máis despexada, e as máximas volverán a ascender ata valores que non andarán lonxe dos 20ºC, mesmo se poden superar en zonas do oeste e norte de Galicia. O vento continuará soprando con algún refacho moderado nas Rías Baixas de compoñente Surleste, e máis frouxo no resto da comunidade.

 -Tendencia a longo prazo

Aínda que de momento non se ven grandes cambios na configuración atmosférica, si que é certo que se van vendo posibles entradas dalgunhas frontes de cara a vindeira semana, froito das borrascas moi profundas que circularán polo Atlántico "fabricadas" polo tremendo contraste que hai na zona de Norte América debido á descarga fría que por alí están tendo e as masas de aire máis cálidas tropicais.
Se miramos modelos xa a máis longo prazo, xa de cara o Nadal (escasísima fiabilidade), vemos como o modelo Europeo (ECMWF) "debuxa" anomalías positivas de precipitación en bastantes zonas do occidente Europeo, con especial incidencia no noroeste da Península Ibérica. Con ese mapa dedúcese que, según este modelo, a día de hoxe, de cara o Nadal poderíamos ter réxime de vento do suroeste con chuvias en Galicia e, como consecuencia, temperaturas bastante temperadas.

Pero como xa resaltamos, estos pronósticos a tan longo prazo carecen de fiabilidade algunha e só hai que tomalo como unha posible tendencia, tendo en conta que os modelos están variando moito e que na saída de mañá poden poñer algo totalmente distinto ao mostrado hoxe. Aínda así, estaremos moi pendentes do que nos vaian mostrando.

Polo tanto, de momento continuaremos con tempo anticiclónico, algunhas nubes, moi pouca auga pero con temperaturas moi agradables, cálidas para a época do ano.

Se queres estar informado diariamente da última hora do que o tempo nos vaia presentando, pódesnos seguir en Twitter e tamén na páxina de Facebook.

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario