viernes, 10 de marzo de 2017

BRUSCO DESCENSO DAS TEMPERATURAS NA FIN DE SEMANA

Imaxe de satélite visible das 10:00 h da mañá do Venres 10 de Marzo.

Como xa viñemos comentando no blog, estamos a ter uns días de Primavera con temperaturas que están a ser moi altas para a época do ano, acadando valores de Verán nalgunha zonas, como por exemplo, onte en Remuiño (Ourense), onde se rexistraron uns espectaculares ¡30,3ºC!, e estamos a 10 de Marzo. Sen dúbida valores moi altos para estar na primeira quincena de Marzo.

A imaxe de satélite que encabeza este artículo, podería ser perfectamente unha imaxe de pleno Verán. Fixádevos como a Península Ibérica está totalmente limpa de nubes, debido á dorsal anticiclónica que temos enriba, e que ven acompañada dunha masa de aire moi cálido que nos está a deixar moita calor. Pero estas temperaturas altas teñen as horas contadas, xa que unha masa de aire frío procedente do atlántico encargarase de provocar un importante descenso das temperaturas durante a fin de semana.


Mirade esta comparativa, móstranse as temperaturas a 850 hpa (1500 metros). Na imaxe da esquerda vemos como este Venres estamos a ter unha masa de aire cálido moi significativa, afectando a todo o suroeste do continente Europeo, con valores de ata +15ºC, mais propio de Maio/Xuño que de comezos de Marzo.

Pero agora, fixádevos na imaxe da dereita, onde vemos as temperaturas á mesma altitude pero para o Luns á medianoite. Como vedes, situación totalmente diferente á que estamos a ter hoxe. Cambiaremos unha masa de aire cálido con valores de ata +15ºC por unha masa de aire frío e húmida con temperaturas negativas, de ata -2ºC (a 1500 metros de altura). Primavera en estado puro e duro, con grandes contrastes en moi pouco tempo.

 Na imaxe da esquerda podemos ver o brusco descenso das temperaturas máximas que teremos mañá Sábado. A masa de aire frío chegará polo atlántico dende o Noroeste, e será aí, o noroeste Peninsular, onde mañá notemos a mais que notable caída das temperaturas, restaremos ata 6/8ºC menos ca hoxe, pero vimos de temperaturas moi altas, polo que non poderemos falar de frío. Aínda así, a diferenza das temperaturas de entre hoxe e mañá será moi notable, polo que o notaremos moito. Na xornada do Domingo, este descenso das temperaturas trasladarase tamén a toda a Península, entre 10/12ºC menos en gran parte do país. En Galicia seguirá a baixada, normalizándose as temperaturas. Pasaremos das máximas de mais de 25ºC que estamos acadando hoxe, a máximas que rondarán os 13ºC, e con neve que volverá ás montañas mais altas da comunidade, por riba dos 1000 metros. Tempo de contrastes!

-Predicción para a fin de semana

  
Na xornada do Sábado xa notaremos como o ceo está mais anubrado, con chuviscadas que serán probables en toda Galicia, pero mais na metade norte. Non se acumulará gran cantidade de auga, mais ben será un día con moitas nubes e, iso si, como xa comentamos, con descenso das temperaturas, valores máximos que rondarán os 18/20ºC en gran parte de Galicia.
O Domingo será cando notemos mais frío, xa que seguirá entrando aire frío dende o Atlántico. Os chuvascos serán intermitentes, mais probables de novo na metade norte. Debido a este descenso das temperaturas, a cota de neve tamén caerá. Nevará de xeito intermitente por riba dos 1000 metros nas montañas de Lugo e Ourense. As temperaturas diurnas rondarán os 13/14ºC, valores xa mais normais para a época do ano.

Como vedes, pasaremos de temperaturas de Verán, con máximas de 25ºC e mesmo de 30ºC, a días frescos, con algo mais de inestabilidade, e neve por riba dos 1000 metros.

Se queres estar informado diariamente da última hora do que o tempo nos vaia presentando, pódesnos seguir en Twitter e tamén na páxina de Facebook.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario