martes, 21 de marzo de 2017

EPISODIO DE FRÍO E NEVE PARA COMEZAR A PRIMAVERA


Vimos de rematar un Inverno que foi moi pobre en canto a frío e neve, tan só un episodio en Novembro e as xeadas de Xaneiro foi o que tiveron estes pasados meses en canto a frío. Ademais, a derradeira parte do Inverno estivo marcada polas temperaturas altas paraa época do ano, con máximas que mesmo chegaron a superar os 30ºC no val do Río Miño. Sen dúbida, temperaturas de Maio/Xuño en pleno Marzo, cousa que non é normal.


Pero, á natureza non lle gustan os desaxustes e todo se tende a compensar. Onte comezou a Primavera, pero semella que a imos estrear cun episodio de frío e neve mais propio de Xaneiro que de finais de Marzo, xa que a cota de neve podería baixar ata 400 metros durante o Mércores e o Xoves, mesmo puntualmente por debaixo!, o cal non está nada mal, e menos para a época na que estamos.


Mirade a animación da esquerda, que nos mostra a evolución da temperatura a 500 hpa ata o Sábado ás 00:00. Agora mesmo, a bolsa de aire mais frío encóntrase ao oeste das Illas Británicas, pero fixádevos como, pouco a pouco, durante a xornada de mañá Mércores, as cores rosas van invadindo Galicia, con valores de ata -35ºC a dita altura (5500 metros de altitude). Iso significa moita inestabilidade, e mais na época na que estamos, xa que o sol xa quenta e esta diferenza de temperatura entre a superficie e os 500 hpa, provoca o desenvolvemento de grandes nubes de treboada (cumulonimbus), que serán os que descarguen as precipitacións nas vindeiras xornadas.

Ademais, mirade como esa bolsa de aire fío, non se retira tan facilmente, ao contrario, quédase rotando enriba da Península durante varios días, polo que a o frío, as precipitacións, e as nevaradas persistirán. Quen nos iba a dicir fai uns días, canto estabamos con temperaturas mais propias de Maio, que a Primavera ía comezar con tanto frío!

Antes do frío, chegará a fronte fría, e farao na vindeira madrugada, con precipitacións que puntualmente poden ser fortes, e mesmo non se descarta que veñan acompañadas (localmente) de aparato eléctrico. Tralo paso da fronte, será cando comeze o descenso imparable das temperaturas, e tamén da cota de neve. Durante o Mércores, a cota irá baixando ata situarse ao final do día en torno aos 400 metros de altitude, mesmo puntualmente, as folerpas poderán visitar cotas de 300 metros. Os chuvascos afectarán en maior medida á metade norte de Galicia, aínda que son probables en calquer punto da comunidade, puntualmente fortes, con treboadas e tamén con saraibadas.

O mapa superior, mostra a neve prevista para os vindeiros 3 días. Mirade como en gan parte do territorio Galego veran caer folerpas. Os espesores mais importantes encontrarémolos, como é normal, nos puntos mais altos da comunidade, pero a precipitación está por ver, xa que unha pequena variación dunha borrasca de dimensións reducidas, pode cambiar todo por completo, polo tanto estade moi pendentes das actualizacións de última hora que vaiamos facendo na nosa conta de Twitter e tamén en Facebook.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario