lunes, 8 de mayo de 2017

XORNADAS INESTABLES POR DIANTE. CHUVASCOS E TREBOADAS.


Tras un mes de Abril moi seco e moi cálido, no que abundou a presenza das altas presións, as altas temperaturas e a escasez de chuvia, Maio comezou con mais movemento meteorolóxico, e semella que quere seguir sendo animado. Sen ir mais lonxe, o pasado Venres unha pequena borrasca afectou a Galicia deixando moita inestabilidade. Diversas liñas de precipitacións fortes foron entrando polo oeste da comunidade, descargando chuvias fortes, saraiba e treboadas, contabilizáronse mais de 660 raios na comunidade. Ademais, fronte a Oia tamén se avistou unha manga mariña, fenómeno que, aínda que pareza extraño velo fronte ás nosas costas, ven sendo bastante habitual.

Como ben pon o título deste artículo, esta semana, polo menos a maior parte, estará marcada pola presenza de aire frío en altura e pequenas borrascas que se achegarán polo Atlántico a partir de mañá. Xa viñemos comentando nalgunhas publicacións nas redes sociais que a presenza de un anticiclón en latitudes altas (Islandia, Sur de Groelandia... etc) obriga ás baixas presións a baixar de latitude. E é que a borrasca que nos afectará esta semana, é a mesma que inestabilizou tanto o tempo o Venres. Debido ao bloqueo anticiclónico, non puido avanzar facendo o seu percorrido habitual, tivo que "recuar" de novo para as Illas Azores, onde a temos enroscándose agora mesmo, pero pouco a pouco irase achegando para deixar chuvias en gran parte da Península Ibérica.

Na animación da esquerda, na cal podemos ver a evolución prevista das precipitacións polo modelo WRF ata as 00:00 do vindeiro Venres, podemos ver como non serán chuvias persitentes, mais ben serán precipitacións que caerán en forma de chuvasco e de xeito intermitente durante varias xornadas. Tamén se pode observar como polas tardes teremos mais auga, isto indícanos que por mor dese aire frío en altura que imos ter, e a calor acumulada destes días, o contraste térmico provocará que medren nubes de evolución que descargarán chaparróns intensos e seguramente tamén con saraiba.

A probabilidade de treboadas durante estes días será bastante alta, xa que, como xa comentamos, ese contraste térmico entre a calor acumulada en superficie e o aire frío en altura fará que se formen grandes nubes de desenvolvemento vertical que irán descargando treboadas en moitas zonas. É un episodio para ir seguindo en tempo real, xa que isto non será como unha fronte, na que mais ou menos sabes cando vai pasar e qué cantidade de auga deixará. Ao ser tipo chuvascos treboentos os acumulados poden ser importantes pero de xeito moi local, todo depende de como evolucionen as treboadas. Para que vos fagades unha idea, pode estar chovendo moito nun lugar "x" e a 2 km de aí nin enterarse das precipitacións fortes.

A partir da fin de semana, en principio, iremos recuperando a influencia anticiclónica e as temperaturas, de novo, volverán a subir. Teremos que falar de calor a vindeira semana, aínda que veremos por canto tempo.

De momento, tocan varias xornadas típicamente Primaverais, inestabilidade xeneralizada, chuvascos e treboadas. Iremos seguindo o que este episodio nos vaia deparando en Twitter e tamén en Facebook.

No hay comentarios:

Publicar un comentario