viernes, 9 de junio de 2017

MAIO FOI HÚMIDO E EXTREMADAMENTE CÁLIDO EN GALICIA.

 Anomalías de temperatura media e de precipitación acumulada en Maio. Fonte dos datos: MeteoGalicia

Vimos de rematar un mes de Maio que, se por algo estivo caracterizado, é pola gran variabilidade atmosférica que presentou. Os días moi cálidos con valores máximos de pleno Verán, intercalábanse con outros episodios de temperaturas mais frescas con precipitacións, unha situación tipicamente Primaveral.


Como vemos nos mapas que encabezan este artículo, Maio foi un mes húmido pero extremadamente cálido, acadando valores de temperatura media moi superiores ao normal, ata +4ºC en Quiroga e Ancares, pero como vedes, valores superiores ao normal en toda Galicia. Isto débese, en gran parte, aos episodios de calor que tivemos ao longo mes, non foron moi duradeiros, pero si intensos, rexistando varios récords. Na cidade da Coruña batiuse un récord de temperatura media para un mes de Maio, con 17,4ºC. En Lourizán (Pontevedra), a temperatura mínima media tamén batiu un récord, con 12,8ºC. Hai que ter en conta que a serie de datos destas estacións data dos anos 1948 e 1958 respectivamente, polo que teñen moito valor.


Por qué foi un mes cálido? As baixas presións estiveron moi presentes ao oeste da Península Ibérica. Dende aí, debido ao seu xiro, España queda no lado no que os ventos do sur impulsan aire cálido dende o continente Africano, elevando as temperaturas máximas ata valores que ben podían ser de pleno Xullo. Pero, debido á presenza desas baixas presións tan preto da Península, aínda que foi un mes cálido, non estivo dominado polo anticiclón, xa que as chuvias tamén foron protagonistas.

Estes centros de baixas presións colocábanse moi preto da Península, e, xunto co calor acumulado e o aire frío en altura que presentaban, inestabilizaban moito a atmosfera, provocando importantes treboadas en moitos puntos da xeografía Galega, con gran cantidade de aparello eléctrico, fortes precipitacións e tamén saraibadas.

Maio considérase un mes húmido en xeral, localmente moi húmido como por exemplo na estación de Entrimo, ao sur da provincia de Ourense, onde, como vedes, a anomalía de precipitación acumulada está moi por riba do normal, acumulando nesa zona 193,5 mm. Tamén destaca a anomalía que se presenta xusto ao norte de Lugo cidade, en Castro Ribeiras de Lea, unha zona que estivo moi afectada polas treboadas, con acumulados importantes nun curto espazo de tempo e tamén rexistrando fortes sarabiadas, con pedrazo nalgúns casos.

Os valores mais altos de precipitación acumulada, témolos no interior de Pontevedra e no suroeste da provincia Coruñesa, onde nalgunhas zonas se superaron os 200 l/m2, o cal non está nada mal, vindo dun mes de Abril que foi moi pobre en precipitacións na comunidade, un respiro para os nosos campos antes de comezar a época estival.

Así o vivimos en Twitter.



Como xa comentamos, foi un mes extremadamente cálido, por iso se batiron varios récords de temperatura. Na estación que AEMET ten na cidade de Ourense, o día 24 rexistrábase unha temperatura máxima de 37,5ºC, o que supón o valor mais alto acadado nesa estación nun mes de Maio, o que nos da unha idea da intensidade da calor que tivemos. Ademais, un chisco mais ao suroeste seguindo o cauce do Miño, en Remuiño rexistrouse unha temperatura de nada mais e nada menos que 39,1ºC! Impresionante para a época na que estabamos.



O día 9, un potente sistema de treboadas afectaba á provincia de Lugo e ao leste de Ourense, provocando importantes incidencias. Nas redes sociais facíamonos eco da impresionante sarabiada que caera en Castro Ribeiras de Lea, deixando unha estampa case Invernal, cubrindo todo de branco. Esa mesma tarde, unha intensísima tromba de auga anegaba moitos puntos de A Rúa, en Valdeorras. O día 26 foi o día treboento por excelencia do mes, caeron en Galicia un total de 9562 raios, a maioría concentrados nas provincias de Pontevedra e Ourense, esta cantidade supoñía tamén un récord de descargar eléctricas nun día na comunidade, dende que MeteoGalicia ten operativo o sistema de detección de raios (finais de 2010).


  Se queres estar informad@ diariamente da última hora do que o tempo nos vaia presentando, pódesnos seguir en Twitter e tamén na páxina de Facebook.

No hay comentarios:

Publicar un comentario