jueves, 15 de junio de 2017

UNHA MASA DE AIRE MOI CÁLIDO ELEVARÁ OS TERMÓMETROS POR RIBA DOS 35ºC.


Estamos a mediados de Xuño e as altas presións comezan a afianzarse, pouco a pouco, sobre a Península Ibérica. As "coladas" de aire frío xa non son tan marcadas coma en Maio e as masas de aire cálido fanse co control. Tras ter un Martes marcado polo bochorno e polas treboadas na comunidade, rexistrando mais de 2000 raios, a partir de hoxe comezará un ascenso imparable das temperaturas, que continuará ata o Luns.

Isto vén provocado polo posicionamento dun centro de altas presións entre as Illas Británicas e a Península Ibérica, é unha posición moi típica e no Verán acostuma a traer longos períodos de tempo seco, solleiro e cálido á comunidade e a gran parte da Península. Cando se sitúa nesa posición, unha masa de aire cálido procedente de África ascende de latitude, evonlvendo case que por completo España, provocando, polo tanto, un importante ascenso das temperaturas, con valores moi altos nas horas centrais do día, e tamén con madrugadas tropicais.

 Mapa de temperaturas para o Sábado 17 ás 17:00, previstas polo modelo GFS.

No mapa anterior vemos como esta masa de aire cálido, con temperaturas de ata 24º/25ºC a 850 hpa (1500 metros de altitude), tradúcese en superficie en valores moi altos, de ata mais de 35ºC en boa parte de Galicia, mesmo 40ºC en zonas propicias, como por exemplo o val do Miño, por alí a fin de semana será un auténtico forno, xa que as temperaturas máximas serán moi altas, como xa comentamos, poderanse acadar os 40ºC.

No resto do centro e oeste/noroeste da comunidade, valores por riba dos 35ºC, aínda que en zonas preto do litoral a brisa suavizará algo a temperatura polas tardes. Outro aspecto importante a comentar son as temperaturas nocturnas. A masa que teremos enriba será moi cálida, e o vento polas noites soprará de dirección Este/Nordés. Esta dirección de vento fai que pola noite as temperaturas no suroeste da comunidade non baixen o suficiente, xa que chega moi quente a estas zonas, provocando mínimas por riba dos 20ºC en moitos puntos. Recordemos que se considera unha mínima tropical cando esta non baixa de 20ºC, e unha mínima ecuatorial cando non baixa de 25ºC, seguramente no sur e oeste de Galicia teñamos moitas mínimas tropicais nos vindeiros días.

 Vexamos como ven os modelos numéricos a anomalía da temperatura a 850 hpa (1500 metros). Fixádevos como a masa de aire cálido é moi potente, con anomalías moi marcadas en todo o oeste e norte de Europa, pero onde máis altas son, é na Península Ibérica. Como ben vos sinalo no mapa, o modelo GFS prevée que a temperatura a dita altura sexa ata +12/+14ºC por riba do que vén sendo normal nestas datas, un valor moi a ter en conta.

Para compensar este ascenso de aire moi cálido sobre a Península, noutra zona de Europa terán temperaturas bastante por debaixo do normal. Isto pasa porque á natureza non lle gustan os desaxustes, se nun punto teñen temperaturas moi superiores ao normal, noutra zona, para equilibrar, terán temperaturas mais frescas.

Este episodio de calor durará ata polo menos o vindeiro Luns, a partir de aí vese un descenso das temperaturas debido á chegada de masas aire máis frescas polo Atlántico, mesmo non é descartable que teñamos algunhas precipitacións na comunidade, pero estamos falando a longo prazo, polo que non hai nada seguro aínda. O que está claro é que, de momento, toca pasar moita calor.

Se queres estar informad@ diariamente da última hora do que o tempo nos vaia presentando, pódesnos seguir en Twitter e tamén na páxina de Facebook.

No hay comentarios:

Publicar un comentario