jueves, 23 de julio de 2015

UNHA FRONTE VISITARÁ A COMUNIDADE NA VÉSPERA DO DÍA DE GALICIA

Esquema detallando o paso da fronte pola comunidade.

Estamos a tan só dous días da celebración do día de Galicia, e o tempo é espléndido, temos sol e calor na maior parte da comunidade con temperaturas que sobrepasan os 30ºC en puntos do interior da provincia de Ourense. Seguramente, vos preguntedes se durante a ponte do Apóstolo, o tempo vai seguir sendo coma hoxe, e a resposta é ben sinxela, NON.

Por qué? Imos por partes. 

Para comezar, mañá Venres unha fronte fría atravesará a comunidade, farao máis ben de madrugada e pola mañá, aínda que quedarán chuvias febles residuais, sobretodo no norte de Coruña e de Lugo. Non deixará cantidades de importancia pero si que refrescará e mollará o campo, xa que este estaba pedindo a gritos algo de auga, e semella que a vai ter!!

E é que unha pequena borrasca, moi pouco activa será a responsable de enviarnos esta fronte que descargará a maior parte da auga que leva consigo na madrugada do Venres, deixando as cantidades de chuvia máis salientables, coma sempre con vento do Suroeste, nas dúas provincias Atlánticas, en Coruña e en Pontevedra. A Lugo e Ourense, estas chuvias tamén chegarán, pero serán máis ben de maneira máis feble e dispersa, a fronte xa chegará algo desgastada por alí.

Todo isto cun descenso das temperaturas que será bastante notable en puntos do interior, descenso de ata 6ºC menos ca hoxe, por exemplo, no interior de Coruña e en Lugo. Onde menos se notará o descenso será na marxe Atlántica, pero aínda así os valores serán un chisco máis discretos, entre 22 e 24 ºC en Pontevedra, e rondando os 20-22ºC na Coruña, pero onde seguirán con máis calor será na conca do Miño ao seu paso por Ourense, xa que os valores seguirán rondando os 30ºC.

Unha das zonas máis frescas de mañá na comunidade será a fronteira entre Coruña e Lugo, é posible que por alí incluso nin se cheguen a alcanzar os 20ºC de temperatura máxima.. nada mal para estar a rematar Xullo.

FIN DE SEMANA


 Xa en plenas festas do Apóstolo, a situación tenderá a estabilizarse, pero non de todo.

Sábado (Día de Galicia): De novo moito sol en case toda a comunidade, agás na Mariña Lucense onde o vento do Nordés, como é normal, enviará algo de nubosidade e mesmo algunhas orballadas pola mañá, pero estas nubes tenderían a desaparecer co paso das horas. 

As temperaturas, de novo, experimentarían un ascenso, chegando aos 30ºC en moitos puntos da comunidade, como poden ser Pontevedra, Sur de Lugo, Ourense.. aínda que nesta última provincia, á beira do Miño é posible que se cheguen a superar os 32ºC, calor pero nada fora do normal para a época na que nos encontramos.

Domingo 26 de Xullo: Para esta xornada aínda hai algo de confusión, xa que fai uns días, os modelos non mostraban nada de chuvia, por contra dende onte, é moi posible que, de novo, unha nova fronte atravese a nosa comunidade, pero a diferencia da que nos afectará esta noite-mañá, chegaría no mediodía-tarde do Domingo, deixando, de novo, chuvias febles, máis cuantiosas nas dúas provincias Atlánticas.

As temperaturas, sufrirán un descenso no oeste da comunidade, rondando de novo os 22-24ºC, grazas ás chuvias que provarían de novo un ambiente moito máis fresco. Por Ourense, seguiríamos con calor propio desa zona, rondando os 30ºC, pero onde subirían as temperaturas, e bastante semella, sería na Mariña, por alí o vento do Suroeste chega moi quente despois de atravesar toda a comunidade, entre 5 e 6ºC máis ca o Sábado, rondando os 28-29ºC

Así a modo de resumo, esta noite-mañá chega unha fronte que deixará chuvias, máis cuantiosas en Pontevedra e A Coruña. Sábado, Día de Galicia con tempo moi tranquilo, moito sol agás na Mariña, e, Domingo (aínda, con algo de incerteza), semella que de novo unha fronte cruzará a comunidade durante esta xornada, deixando chuvias febles.

Podes seguir estando informado da actualidade meteorolóxica case a tempo real na conta de twitter de Redmeteo (@RedmeteoP), e tamén na páxina de Facebook (Facebook.com/RedmeteoP)
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario